Icon teléfono682 874 124
Icon localizaciónLetonia, 2 - Pol.Costa Vella - 15707 - Santiago de Compostela
icon facebook
icon twitter

O Club Financiero de Santiago organiza un debate a catro cos candidatos á alcaldía de Ames

23/05/2023

A cinco días das eleccións, o Club Financiero de Santiago organizou na súa sede un debate electoral cos catro candidatos á alcaldía de Ames que contan actualmente con representación municipal. Participaron neste debate a catro o actual alcalde e candidato socialista, Blas García; a cabeza de lista do PP, Oliva Agra; David Santomil do BNG e Vanessa Vidal de Podemos.

Roberto Pereira, presidente do Club Financiero de Santiago, foi o encargado de moderar o debate que estivo estruturado en tres bloques, economía municipal, emprego e industrialización e servizos e infraestruturas.

Sobre economía municipal, a candidata de Podemos avogou por unha xestión económica responsable, “hai que establecer nos orzamentos cantidades destinadas para axudar ao comercio local e bonificacións para autónomos e PEMES”. Pola súa banda, David Santomil afirmou que o BNG “aposta pola economía circular e os comercios de proximidades, como estamos facendo nos comedores escolares. Ademais, creemos na creación de emprego público e solo empresarial”. Oliva Agra estableceu como prioridade para o seu partido o emprendemento e propuxo a creación dunha aceleradora pública de empresas. A candidata popular tamén presentou unha revisión da carga fiscal do veciños “porque os cartos están mellor no peto dos veciños”. Blas García destacou a boa situación económica do Concello de Ames e a necesidade de investir o superávit nos veciños para mellorar os servizos. Nesta liña fixo referencia ás afirmacións da candidata popular, “máis aforro e non subir impostos, non se poden traducir en máis servizos. Non falamos de subir impostos, pero si facer unha redistribución dos mesmos e investir o superávit para dar novos servizos aos veciños”.

En materia de emprego e industrialización, o candidato do BNG asegurou que “vai ser fundamental crear sinerxías entre concello, empresarios e centros educativos” e ofreceu outras claves como a necesidade de reestruturar Ames, humanizar Milladoiro e eliminar a peaxe da AP-9. Vanessa Vidal falou dun futuro mercado municipal, “que sería unha boa forma de dinamizar a economía do concello” e tamén que Podemos priorizará “a contratación con empresas e autónomos cuxo domicilio social estea en Ames”. Vidal tamén se centrou no rural con medidas específica como a creación dun censo de produtores locais e plans de apoio ao emprego rural. Blas García contestoulle a David Santomil explicando que “as sinerxías xa están creadas e as reunións cos empresarios son fluídas e frecuentes”. En canto ás medidas do PSOE, o actual alcalde referiuse aos apoios que xa se lle están ofrecendo ao sector empresarial “axilizamos os trámites no polígono, o novo hotel, o novo aparcamento... Ademais, temos o proxecto dun novo polígono empresarial en Bertamiráns”. Pechou a ronda Oliva Agra cunha serie de medidas para fomentar o emprego e a industrialización. “Crearemos unha aceleradora de startup que mentorice aos emprendedores e que axilice as licenzas e trámites. Tamén se valorará a entrada do concello a modo de lanzadeira”.

No último bloque de servizos e infraestruturas, a candidata popular recalcou a necesidade de actuaizar o PXOM e centrou as súas propostas no ámbito da mobilidade na mellora do transporte público “conectando os núcleos coas áreas empresariais e dando resposta aos problemas de aparcamento” en canto a infraestruturas destacou a necesidade de conciliar o traballo e a familia e propuxo como medida “garderías pública preto dos centros de traballo”. Blas García explicou as súas medidas nestes temas: “Falar de infraestruturas é falar de humanización de espazos. A nosa intención é humanizar Milladoiro e o proxecto de reducir Rosalía de Castro a un carril non vai colapsar Milladoiro, vaino humanizar. No tema do aparcamento o concello está buscando prazas e xa estamos xestionando 170 prazas que están inutilizadas para poñelas á disposición da veciñanza”. O actual alcalde tamén informou de que este ano estará listo una liña de transporte Milladoiro-Bertamiráns e en materia de conciliación dos maiores, “estamos traballando co Arzobispado para que nos ceda retorais que teñen abandonados no rural para facer un centro de día para os maiores”. Pola súa banda, Vanessa Vidal defendeu a atención no fogar dos maiores e puxo sobre a mesa os ecoparques industriais, “somos o único partido que estamos falando diso e isto permitiría compartir de xeito máis eficiente os recursos e reducir custos, como aforro de enerxía”. “O BNG ten clara a súa folla de ruta, e é a Axenda Urbana de Ames”, afirmou David Santomil, “e o centro de día público para Ames que é un obxectivo para o próximo mandato”.

Este debate respondeu ao interese dos empresarios do polígono de Milladoiro e dos socios do CFS en coñecer de primeira man os diferentes programas electorais dos partidos políticos con representación municipal. Os asistentes tamén tiveron ocasión de realizar as súas preguntas e consultar as súas dúbidas cos candidatos. Os empresarios destacaron o bo clima entre os candidatos e preguntaron polas súas posturas a cerca da fusión de concellos. As candidatas do PP e de Podemos mostráronse en contra. Na mesma postura se situou o actual alcalde, Blas García, “non á fusión, si a mancomunar servizos”. O candidato do BNG, David Santomil, tivo unha visión máis aberta: “Creo que Ames non deber ser unha illa no medio do océano, en Ames o localismos non funciona porque estamos na comarca de Santiago. Eu non apostaría por un único concello coa administración unificada porque pasaríamos a ser periferia, pero si apostaría por un plan territorial integrado.