Revista bimensual del Club Financiero de Santiago...
Santiago de Compostela, 27 de abril de 2023.- María Rozas visitou esta mañá a sede do Club Financiero de Santiago para presentar as principais propostas da súa candidatura ao goberno municipal por Compostela Aberta. Marta Lois, número dez da lista de CA, tamén asistiu ao encontro cos socios do CFS.
A candidata de Compostela Aberta afirmou que segundo a súa visión da cidade, os principais retos aos que se enfronta o concello son o acceso a vivenda, tanto para mercar como para alugar, e os problemas de mobilidade.
Para o problema da vivenda, Compostela Aberta propón recuperar a figura dunha empresa municipal de vivenda cunha nova orientación, “non só para facilitar a construción de vivenda nova se non tamén para poñer vivenda en aluguer social. Para iso cremos que hai que mobilizar vivendas baleiras, das que dita empresa pública asumiría a rehabilitación a cambio de que os donos as poñan en aluguer social”, explicou Rozas.
Para mitigar o volume de tráfico que acceden cada día á vila procedentes de concellos limítrofes, esta formación política propón a mellora do transporte público en horario laboral con boas frecuencias e conexións con outras zonas de Santiago. Tamén son partidarios de aumentar os aparcadoiros disuasorios. “E se hai bo transporte público, funcionarán tamén mellor os aparcadoiros disuasorios”, sentenciou María Rozas.
As integrantes de Compostela Aberta coincidiron cos socios do Club Financiero en que os retrasos nos pagos aos provedores é unha cuestión preocupante xa que teñen constatado que hai empresas que optan por non traballar para a administración local compostelana. E tamén coincidiron en que é urxente mellorar a dixitalización do concello e dos servicios electrónicos que se lle ofrecen á cidadanía; cuestión, que segundo, María Rozas non é por falta de solución tecnolóxica: “Nós captamos un millón de euros de fondos europeos para sacar ao concello do século XIX. Deixamos a solución tecnolóxica adxudicada pero somos moi críticos en como se implementou: non é accesible, non é intuitiva, non é áxil... A solución dunha empresa tecnolóxica ten que ir en paralelo con que tamén o concello funcione en clave tecnolóxica, por iso propoñemos a creación dunha concellería específica de modernización da administración para axilizar as xestións electrónicas dos cidadáns”.
Rozas, igualmente, destacou do seu programa a intención de poñer en marcha “unha oficina de captación, atracción e retención de empresas, un departamento que funcionaría como xestor dos trámites que as empresas teñen que facer coa administración de forma centralizada”. Tamén apostan por aproveitar mellor o potencial da universidade e do rural da cidade para medrar en iniciativas industriais.
Este almorzo-coloquio responde ao interese dos socios do Club Financiero de Santiago en coñecer os programas electorais dos partidos políticos con representación municipal.