Icon teléfono682 874 124
Icon localizaciónLetonia, 2 - Pol.Costa Vella - 15707 - Santiago de Compostela
icon facebook
icon twitter

Os socios do Club Financiero de Santiago trasládanlles as súas preocupacións á candidata do BNG

21/04/2023

 

Goretti Sanmartín, acompañada de Xesús Domínguez, acudiu hoxe á sede do CFS para expoñer o seu programa electoral e escoitar as inquedanzas dos empresarios composteláns

 

 

Santiago de Compostela, 21 de abril de 2023.- A candidata do Bloque Nacionalista Galego á alcaldía de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, acudiu esta mañá á sede do Club Financiero de Santiago para expoñer o seu programa electoral e os seus proxectos para a cidade. Os socios do CFS tamén tiveron ocasión de trasladar as súas inquedanzas á candidata.

 

 

Os empresarios mostraron a súa preocupación pola falta de transporte público para chegar aos polígonos e a necesidade de reforzar as liñas sobre todo ás horas de entrada e saída dos traballos. Tamén manifestaron o perigo que supón a falta de beirarrúas nalgunhas zonas dos polígonos. Goretti Sanmartín comprometeuse a “mellorar a mobilidade nos accesos aos polígonos industriais, con transporte público con frecuencias adecuadas desde a estación intermodal, con marquesiñas de maiores dimensións e ben localizadas en distintos puntos das áreas empresariais e beirarrúas amplas para poder desprazarse a pé”.

 

 

A candidata do BNG resaltou que un dos principais problemas de Santiago é que: “A cidade ten moito rural e un sector primario con pouco peso. O sector servizos é o máis forte e é necesario diversificar a economía e impulsar a industria”. Como propostas para equilibrar o peso dos sectores económicos destacou que: “Hai que desenvolver e impulsar sectores como o biotecnolóxico, a madeira, buscar novos nichos de mercado como a economía circular e economía verde e tamén rescatar os oficios tradicionais. Ademais, hai que potenciar o emprego que poden xerar a conciliación, os atendibles e o coidado a persoas maiores. Por outra parte, no marco de impulsar a economía circular e a reciclaxe propoñemos crear unha planta de compostaxe que sirva para a comarca e no proxecto desta planta contémplase que pode xerar ata cen postos de traballo. Se queremos facer un concello mellor, temos que crear máis emprego de calidade. Para iso tamén é necesario colaborar coa universidade, eliminar a fenda de xénero e mellorar a empregabilidade das persoas maiores de 55 anos”.

 

 

En canto ao sector industrial, Goretti Sanmartín fixo fincapé na situación dos polígonos: “Todo o mundo somos conscientes de que os polígonos son máis comerciais que industriais. Se traemos a actividade comercial para os polígono, baleiramos o Ensanche. Hai que apostar polo comercio de proximidade de interior”.

 

 

Desde o BNG tamén apostan por axilizar a administración. “Axilizarase a burocracia administrativa municipal, coa creación dun portelo único e preferente para as empresas que queiran instalarse no noso territorio. Crearase unha oficina de captación de fondos europeos, que atraia novos investimentos e posibilidades de xerar emprego diversificado”.

 

 

Este almorzo-coloquio responde ao interese dos socios do Club Financiero de Santiago en coñecer os programas electorais dos partidos políticos con representación municipal.